Segunda edición dos “Talleres tecnolóxicos e software libre nos cárceres de Galicia” (2014)

O colectivo de usuarios de software libre da Terra de Melide, MeLiSA, iniciou a semana pasada no Centro Penitenciario de Teixeiro a segunda edición dos Talleres tecnolóxicos e software libre nos cárceres de Galicia. Segundo informa a asociación, trátase dunha nova achega de formación en tecnoloxías e programación aberta directamente dirixida a combater fendas dixitais e, en última instancia, botar man da informática sen barreiras para afianzar a vindeira inserción social e laboral dos participantes nestes obradoiros. Lembrar que MeLiSA retoma o fío do importante traballo despregado o ano pasado en cinco centros penitenciarios e dous CIS (Centros de Inserción Social) da nosa terra.

Máis en detalle, “o obxectivo principal deste proxecto é levar aos internos dos centros un curso de formación para que poidan coñecer as características principais dos programas informáticos que se liberan baixo unha licenza libre”. Os contidos dos cursos adáptanse aos recursos dispoñíbeis en cada centro, así como ao perfil dos internos. Así, no centro de Teixeiro está a ser impartido un curso de alfabetización dixital e reparación de equipos con GNU/Linux dirixido aos internos do módulo de respecto, e o módulo de mulleres. Polo que atinxe aos CIS, os obradoiros tamén teñen as súas particularidades, partindo da base de que os internos gozan nestes centros dun réxime aberto que lles permite acudir ás aulas da rede CeMIT de AMTEGA para recibir formación complementaria do uso de diferentes servizos dispoñíbeis a través de Internet (correo electrónico, busca de emprego, uso básico de redes sociais, etc.).

Segundo informa a asociación de Melide, o responsábel do taller que remata o este 16 de xullo en Teixeiro é Salvador Tabarés, voluntario do colectivo de software libre. Outros voluntarios son Rafael Rodríguez e Miguel Bouzada, que serán os encargados de impartir os obradoiros en A Lama e máis no CIS de Vigo, respectivamente. Para os meses de setembro e outubro están programados o resto de talleres nos centros de A Lama, Pereiro de Aguiar, Monterroso e Bonxe, así como nos CIS de A Coruña e Vigo.
Esta actividade, forma parte das actividades que MeLiSA realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo, conta coa colaboración e apoio do equipo de Voluntario Dixital.

 

Código Cero. https://codigocero.com
Data: luns, 14 de xullo do 2014
URL: https://codigocero.com/A-asociacion-de-usuarios-de-software-libre-MeLiSA-pora-en-marcha-unha-aula

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *