Comeza a 6ª edición do programa «Software libre nos centros penitenciarios de Galicia»

Os voluntarios de Melisa presentan no día de hoxe a 6ª edición do programa de difusión e formación en tecnoloxías libres nos centros penitenciarios de Galicia.

Este programa de actividades arrancou no ano 2013 como parte das actividades que leva a cabo dito colectivo para a difusión das tecnoloxías libres a diferentes sectores sociais da nosa comunidade. Nestes últimos anos foron realizadas diferentes actividades en cada un dos centros penitenciarios de Galicia, así como nos centros CIS de Vigo e A Coruña.

Na presente edición, que comeza o día 14 de febreiro no Centro Penitenciario de Monterroso, vanse impartir aqueles contidos necesarios para poder presentarse aos exames da certificación galega de competencias dixitais (CODIX) que se promove dende a AMTEGA.

Un grupo reducido de internos vai recibir formación no manexo dos aplicativos LibreOffice Writer e LibreOffice Calc. Nesta ocasión, o responsable desta formación será o voluntario de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, que se vai apoiar nos recursos que se puxeron en marcha en anos anteriores, tales como a Aula de Informática da UTE, ou a plataforma de teleformación (Moodle) que nesa mesma aula está dispoñible.

Esta actividade forma parte das actividades que Melisa realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2020 da Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *