MeLiSA instala un novo servidor en Monterroso para os alumnos de bacharelato

Este equipo informático foi cedido polo IES San Clemente, e permite o acceso ás guías das diferentes materias de bacharelato.

Os voluntarios da asociación levaron a cabo durante as últimas semanas a instalación e configuración deste servidor cedido polo centro de ensino compostelá para que os internos do centro penitenciario de Monterroso poidan acceder ás guías de bacharelato. Este equipo informático fai posible que os internos poidan acceder dende os ordenadores da aula informática da UTE aos contidos de igual xeito que se estiveran conectados dende o exterior aos contidos publicados polo instituto.

As guías de bacharelato desenvolven os currículos das diferentes materias que conforman o bacharelato, e están clasificadas por quincenas e por avaliación. Os contidos asociados as guías electrónicas de bacharelato foron desenvolvidos por equipos de traballo conformados por profesorado de distintos centros da comunidade galega e coordinados polo IES San Clemente co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A maiores das guías dispoñibles neste servidor tamén se incorporaron diferentes vídeos coas sesións gravadas durante as clases presenciais que se imparten nas aulas do centro de ensino. Todos estes recursos facilitan dun xeito notable o estudo ao que teñen que enfrontarse os internos, e tamén facilita que se poidan organizar e coordinar co resto de actividades que teñen programadas ao longo do curso escolar.

O equipo de voluntarios de MeLiSA quere agradecer unha vez máis o apoio do equipo directivo do centro penitenciario, así como ao profesorado do IES San Clemente, e en particular ao seu xefe de estudos, Víctor Lourido, pola colaboración na posta en marcha desta iniciativa.