Segunda edición dos “Talleres tecnolóxicos e software libre nos cárceres de Galicia” (2014)

Segunda edición dos “Talleres tecnolóxicos e software libre nos cárceres de Galicia” (2014)

O colectivo de usuarios de software libre da Terra de Melide, MeLiSA, iniciou a semana pasada no Centro Penitenciario de Teixeiro a segunda edición dos Talleres tecnolóxicos e software libre nos cárceres de Galicia. Segundo informa a asociación, trátase dunha nova achega de formación en tecnoloxías e programación aberta directamente dirixida a combater fendas dixitais e, en última instancia, botar man da informática sen barreiras para afianzar a vindeira inserción social e laboral dos participantes nestes obradoiros. Lembrar que MeLiSA retoma o fío do importante traballo despregado o ano pasado en cinco centros penitenciarios e dous CIS (Centros de Inserción Social) da nosa terra.

Máis en detalle, “o obxectivo principal deste proxecto é levar aos internos dos centros un curso de formación para que poidan coñecer as características principais dos programas informáticos que se liberan baixo unha licenza libre”. Os contidos dos cursos adáptanse aos recursos dispoñíbeis en cada centro, así como ao perfil dos internos. Así, no centro de Teixeiro está a ser impartido un curso de alfabetización dixital e reparación de equipos con GNU/Linux dirixido aos internos do módulo de respecto, e o módulo de mulleres. Polo que atinxe aos CIS, os obradoiros tamén teñen as súas particularidades, partindo da base de que os internos gozan nestes centros dun réxime aberto que lles permite acudir ás aulas da rede CeMIT de AMTEGA para recibir formación complementaria do uso de diferentes servizos dispoñíbeis a través de Internet (correo electrónico, busca de emprego, uso básico de redes sociais, etc.).

Segundo informa a asociación de Melide, o responsábel do taller que remata o este 16 de xullo en Teixeiro é Salvador Tabarés, voluntario do colectivo de software libre. Outros voluntarios son Rafael Rodríguez e Miguel Bouzada, que serán os encargados de impartir os obradoiros en A Lama e máis no CIS de Vigo, respectivamente. Para os meses de setembro e outubro están programados o resto de talleres nos centros de A Lama, Pereiro de Aguiar, Monterroso e Bonxe, así como nos CIS de A Coruña e Vigo.
Esta actividade, forma parte das actividades que MeLiSA realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo, conta coa colaboración e apoio do equipo de Voluntario Dixital.

 

Código Cero. https://codigocero.com
Data: luns, 14 de xullo do 2014
URL: https://codigocero.com/A-asociacion-de-usuarios-de-software-libre-MeLiSA-pora-en-marcha-unha-aula

MeLiSA achega as TIC e o software libre aos Centro Penitenciarios (2013)

MeLiSA achega as TIC e o software libre aos Centro Penitenciarios (2013)

MeLiSA achega as TIC e o software libre ao Centro Penitenciario de Teixeiro. Internos do Centro Penitenciario de Teixeiro fórmanse en TIC e software libre grazas ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta

É un taller dunha iniciativa da Amtega, que ten como obxectivo achegar a tecnoloxía e o software de fontes abertas a 70 internos das prisións galegas

Un voluntario dixital da Asociación Usuarios de Software Libre da Terra de Melide MELISA será o encargado de formar a 12 reclusos deste centro entre o 18 e 28 de novembro

O proxecto rematará este mes cun último taller no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar en Ourense

O Programa Voluntariado Dixital da Xunta e a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA), entidade colaboradora do Programa, poñen en marcha hoxe en Teixeiro (A Coruña) o cuarto dos talleres da iniciativa “Tecnoloxía e Software Libre nos Centros Penitenciarios Galegos”.

O proxecto, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías e o software libre a 70 reclusos dos centros penitenciarios existentes en Galicia.

Tras arrancar en xullo no Centro Penitenciario de Monterrroso, no mes de outubro nos Centro de Inserción Social (CIS) “Carmen Avendaño” de Vigo e no Centro de Inserción Social de A Coruña Carmela Arias y Díaz de Rábago, e no mes de novembro no Centro Penitenciario de Bonxe, o programa continúa agora no Centro Penitenciario de Teixeiro, no que 12 internos recibirán formación en TIC e software libre. O obxectivo desta iniciativa é promover a inserción laboral dos asistentes, ofrecéndolles formación eminentemente e práctica no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e do software libre.

As sesións formativas deste segundo taller desenvolveranse entre o 18 e o 28 de novembro, dúas semanas de luns a xoves, e estará a cargo dun voluntario da Asociación Usuarios de Software Libre MELISA, que compartirá o seu coñecemento cos internos.

Unha iniciativa do Programa de Voluntariado Dixital
Esta iniciativa enmárcase nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta en colaboración coa Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA), para favorecer a inserción laboral dos internos a través das TIC.

Para poder acadar os niveis de calidade desexados, seleccionase un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, e en colaboración coa dirección de cada centro. Con eles, formúlase un grupo de traballo intensivo, con atención personalizada e conexión permanente na práctica co equipo de formación.

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide
Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, MELISA, constitúese formalmente a finais do ano 2008, como resultado das inquedanzas de varios veciños de Melide, amantes da cultura libre e da tecnoloxía en xeral, e están a desenvolver múltiples actividades de difusión e promoción do software libre, alcanzando diferentes sectores sociais; educativo, empresarial, administración, etc.

MELISA é unha asociación adherida ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, e presta apoios dixitais en cinco actividades de fomento do software libre en Galicia. Ademais, está asociación tamén colabora do Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia e asinou un acordo coa Amtega para a difusión do software libre en Galicia no que se inclúe esta actuación nos centros penitenciarios galegos.

O Centro Penitenciario de Teixeiro
O Centro Penitenciario de Teixeiro distribúese en 17 módulos residenciais entre os que se integran os chamados Módulos de respecto, nos que se vai desenvolver o taller informático. Os módulos de respeto, de recente instauración, teñen como obxectivo que os internos teñan unha maior interacción entre eles.

A través deste módulo de respecto, os internos participan más activamente na vida diaria do módulo, grazas a unha serie de comisións e de diversos grupos de traballo, onde se organizan as diversas actividades e tarefas do módulo, como pode ser a limpieza, o reparto da comida, etc..

Código Cero. https://codigocero.com
Data: luns, 18 de novembro do 2013
URL: https://codigocero.com/A-asociacion-de-usuarios-de-software-libre-MeLiSA-pora-en-marcha-unha-aula