Temos nova convocatoria do programa galego alfabetización dixital para os presos dos cárceres galegos, iniciativa impulsada pola Asociación de Usuarios de Software Libre de Terra de Melide (MeLiSA) ao abeiro do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta da axencia AMTEGA. Así, este martes 27 de xaneiro ponse en marcha, oficialmente, a terceira edición desta nova achega de actividades formativas e dinamización, actividades que teñen as virtudes extra de realizárense onde máis se precisan e, ademais, ao abeiro do coñecemento e a informática sen barreiras. A terceira edición dos Obradoiros Tecnolóxicos en Centros Penitenciarios de Galicia arrancan cun obradoiro de montaxe, reparación e configuración de ordenadores con software libre no Centro de Teixeiro.
Este obradoiro terá continuidade até o mes de outubro, “para poder chegar aos sete centros penitenciarios galegos”, sinala MeLiSA.
Como dixemos, esta iniciativa encádrase dentro das actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia en colaboración coa asociación de Melide para favorecer a inserción laboral da poboación reclusa galega a través das TIC. Este proxecto formativo nos centros penitenciarios chega á súa terceira edición despois de levarse a cabo durante os anos 2013 e 2014, edicións “nas que que se realizaron diversas accións formativas nos cinco centros penitenciarios galegos, e os dous CIS, da Coruña e de Vigo, formando a un total de 83 internos, axudando á súa inserción no mercado laboral a través da formación en diferentes áreas TIC”, engade MeLiSA.
Respecto á actividade coa que comeza a terceira convocatoria, dicir que un total de 15 internos pertencentes ao módulo de respecto serán os destinatarios do obradoiro en Teixeiro, no que se utilizarán oito computadores que foron doados polo colectivo de usuarios de software libre con sede na dita vila coruñesa, así como diferente material informático para poder realizar reparacións se é preciso. “Os participantes neste taller”, sinala o colectivo, “poderán aprender a montar un ordenador persoal identificando os diferentes compoñentes do mesmo, detectar as avarías máis comúns, e realizar labores de mantemento dos mesmos”. Ao remataren, explícase, estarán en disposición de instalar e configurar un sistema operativo GNU/Linux, co propósito de que estes equipos poidan formar parte dunha nova aula de informática no módulo de respecto.
Os voluntarios de Melisa encargados de impartir estes obradoiros serán Rafael Rodríguez, Jorge Lama e Salvador Tabarés, os cales xa contan con experiencia neste tipo de talleres, tanto no centro de Teixeiro coma no resto de centros penitenciarios da nosa comunidade autónoma.
Código Cero. https://codigocero.com
Data: luns, 26 de xaneiro do 2015
URL: https://codigocero.com/A-asociacion-de-usuarios-de-software-libre-MeLiSA-pora-en-marcha-unha-aula