O Programa Voluntariado Dixital da Xunta, en colaboración coa Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, MeLiSA, porán en marcha en setembro un proxecto piloto para dotar ao centro penitenciario de A Lama dun servidor onde poder instalar unha aula virtual para os reclusos.
O obxectivo desta iniciativa é conseguir un mellor mantemento da infraestrutura informática, que permita aos internos traballar nunha rede local e compartir a mesma información nos diferentes postos de traballo. Unha vez rematada esta primeira fase, e despois de realizar as primeiras probas, trasladaranse os resultados ao organismo central de institucións penitenciarias de Madrid, para que avalíen se pode ser exportable outros centros do país.
Na actualidade ningún centro penitenciario de España conta cun equipamento deste tipo e os resultados do proxecto que se inicia na Lama servirá de referencia para o resto de centros do estado.
Esta experiencia levarase a cabo cos reclusos que participaron nos cursos formativos que veñen impartindo os voluntarios de MeLiSA dentro das actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta.
Obradoiros en A Lama e Monterroso
Durante este ano, voluntarios da Asociación MeLiSA celebraron a terceira edición da iniciativa “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos” impartindo dous obradoiros prácticos de montaxe e configuración de equipos nos centros de A Lama e Monterroso.
O proxecto ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías e o software libre aos sete centros penitenciarios existentes en Galicia, a través da formación de reclusos en novas tecnoloxías e software libre.
No obradoiro de A Lama, rematado o pasado 29 de xullo e no que participaron un total de 8 internos, traballouse sobre dous equipos cedidos pola AMTEGA que pasarán a formar parte do parque informático do centro.
Código Cero: https://codigocero.com
Data: Venres, 14 de agosto do 2015
URL: https://codigocero.com/A-asociacion-de-usuarios-de-software-libre-MeLiSA-pora-en-marcha-unha-aula